O día do pai

Malasombra repite no teatro de actor cunha comedia sobre a paternidade

Malasombra ironiza sobre a paternidade en
Malasombra ironiza sobre a paternidade en "O día do pai"
“É unha comedia urbana, ao autor gústalle dicir que é un western clínico” explica Xoque Carbajal, da compañía Malasombra a súa montaxe O día do pai. Un espectáculo que conta a loita absurda e sinsentido de tres homes nunha clínica de reprodución asistida á que son citados por unha exparella (Manuela) que decide ser nai. Malasombra repite con Marcos Orsi na dirección cunha comedia que se estreou en Ortigueira o 14 de marzo de 2009.


CRÍTICA
Sementar, sementarei por Beatriz Bravo


A maternidade ven con preaviso de nove meses. Facendo probable gala do seu atribuido carácter femenino, a naturaza fixo indubidable o parentesco da nai coa súa (des)esperada descendencia.


Descubrirse pai, sen embargo, parece que pode acontecer unha mañá dun día calquera, de súpeto. Unha chamada, unha nova realidade. Ou, polo menos, ese debe de ser un dos grandes medos que se agochan no imaxinario masculino, a xulgar pola cantidade de metraxe e tempo que se lle ven adicando. ¿Que acontecería se o sangue do teu sangue choutase por aí sen o teu coñecemento? ¿Preferirías sabelo ou ficar na ignorancia?


Malasombra parte dun lugar común na casa dos horrores masculinos máis recentes, tres homes citados nunha clínica de reproducción, para propor unha volta á comedia máis clásica de caracteres. Mesmo lugar, mesmo tempo, mesmo espacio e unha acción evidente desencadenada polos conflictos entre tres personaxes arquetípicamente contrapostos obrigados a coñecerse e coexistir coas miserias propias e alleas.



Nun decorado sinxelo pero non exento de humor, Marcos Orsi dirixe unha comedia que, aínda que ás veces dá voltas sobre si mesma, non escatima axilidade nin dá tregua ós actores para buscar simplemente o riso e a complicidade do espectador.