
A crise económica, que comprometeu parte dos apoios económicos cos que contaba tradicionalmente o evento e atrasou a confirmación de determinados investimentos públicos e, sobre todo, o falecemento de Benito Losada, alma máter do proxecto, marcan de xeito destacado a XXIX Edición do Outono Fotográfico de Ourense que se está a celebrar estes meses no noso país. No entanto, as cifras amosan que se conseguiu manter a magnitude dun evento que agrupa as principais manifestacións desta arte no noso país durante a súa celebración. Un total de 110 exposicións en 90 salas, todo cun orzamento directo de só 20.000 euros (sen contar o funcionamento das salas), amosan que, en principio, a cita ten posibilidades de seguir adiante sen o seu fundador.
A pegada do fundador
A ausencia de Losada é a primeira cuestión que lembra Xosé Lois Vázquez, coordinador canda a Xacobe Meléndrez desta edición, ao falar do Outono Fotográfico. Para alén de imaxinar o Outono foi quen de o dirixir durante 28 anos. O impulso e a pegada de Losada no sector foi fundamental, segundo os actuais coordinadores, á hora de artellar a actual edición. Atopamos unha disposición excelente de todo o mundo, salas, fotógrafos e colaboradores, e iso foi grazas á pegada que deixou Benito. Canda á colaboración, os coordinadores tamén conseguiron involucrar novos patrocinadores, particularmente a Concellería de Xuventude de Ourense, que cubriron o descenso nas achegas públicas ao programa. Desta volta tentamos repetir o que el facía con moi poucos cambios, recoñece Vázquez. E é que, ao respecto pola memoria de Losada sumouse tamén unha certa premura, xa que foi no mes de xullo cando se botou a andar o traballo.
Unha rede de fotografías
Precisamente o modo no que funciona o Outono é unha das principais peculiaridades deste festival. Era o xeito de traballar de Benito, o que chamabamos polinización sociocultural. El sempre buscaba elementos activos en calquera campo e logo púñaos en contacto e busca ámbitos de convivencia. Deste xeito, o Outono funciona aínda hoxe como unha rede na que se integra programación de galerías, exposicións de entidades bancarias ou actividades de diferentes colectivos, como é o caso, nesta edición, dos certames organizados pola Fundación Curros Enríquez ou a Casa da Xuventude de Chantada, entre outros, ou a integración no programa da exposición de Ruth Mathilda Anderson de Novacaixagalicia. Supón unha grande loxlística relacionar todas estas mostras e salas, por sorte conteamos cunha colaboración enorme por parte do persoal da Casa da Xuventude de Ourense. No entanto, Vázquez recoñece que a longa traxectoria do evento facilita en boa medida o traballo. Realmente, durante os primeiros quince ou vinte anos tivo que ser moi duro. Co tempo o Outono acabou sento unha marca que define o territorio da fotografía en Galicia desde finais de outubro ata finais de decembro, e moita xente incorpora a súa programación ao evento, do cal todos se benefician.
A importancia
Malia a que conserva no seu nome a ourensanidade, hai xa anos que o Outono Fotográfico traspasou as fronteiras provinciais e se converteu nunha cita galega. En porcentaxe da programación máis do 15% se desenvolve fóra. E esta tendencia vai medrar no futuro. Estamos a falar con galerías de diferentes vilas, mesmo de fóra de Galicia, para que integren a súa programación e tamén queriamos expandir a colaboración con outros festivais. Vázquez non dubida en subliñar a importancia cultural dun evento que, ao seu ver, funciona como un mostreo etnolóxico do estado da fotografía en Galicia. É unha grande cantidade de fotógrafos dos cales o 80% produce contidos específicos para este evento. Ten unha trascendencia a nivel galego. A iniciar neste campo, apunta que máis do que unha feira profesional, que non é, falamos dun museo temporal que elabora coñecemento a través dos proxectos fotográficos, pono en circulación e interactúa cos visitantes.
Continuar
Os novos coordinadores teñen unha idea clara de por onde queren levar o evento, aínda que, como corresponde á época, recoñecen que todo vai depender do tema económico. Desde xeito, o Outono seguirá a ser un proxecto de base no que poden participar desde un fotógrafo novel ata un profesional, así como calquera sala. Como novidade, avogan por dotar o evento dunha parte consistente de produción propia no campo do comisariado, coa intención de crear liñas de reflexión fotográfica. De calquera xeito, será ao remate desta edición cando se analicen a fondo as posibilidades de cara ao futuro. O que teñen claro Vázquez e mais Meléndrez é que o futuro pasa pola constitución da Fundación Benito Losada, coa que pretende conseguirse unha continuidade nos fondos para as actividades nas que se implicara o falecido director da Casa da Xuventude de Ourense. Contando xa cos parabéns do Concello e mais da Deputación de Ourense, Estamos pendentes do apoio das consellarías de Cultura e de Xuventude e mais do Consello da Cultura Galega. Agardamos que entre todos poidamos manter o Outono e mais as Xornadas de Banda Deseñada, sinala Vázquez. No caso de non conseguir desenvolver este proxecto, buscariamos patrocinios privados e habería que redimensionar o evento aos orzamentos dispoñibles. A economía, como non, marca a viabilidade do evento para futuras edicións, aínda que Vázquez salienta o enorme beneficio que logra o Outono en relación aos seus custos. Se o medísemos por rendibilidade e isto fose unha empresa, sería das máis rendibles de Europa. Resulta incrible con qué pouco esforzo económico directo se consegue tanta repercusión. A cultura en xeral é así de rendible, pero é tamén a primeira en padecer a crise.