Capa do libro-DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta
Dúas novas propostas no marco para recuperar a memoria de Barriga Verde viron a luz esta semana. Por unha banda, Xaime Iglesias presentaba o pasado martes en Pontevedra e onte en Compostela o libro José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde, a primeira achega biográfica ao creador do coñecido títere. A obra, publicada polo Concello de Pontevedra e Urco Editora, intégrase no Proxecto Barriga Verde da Asociación Morreu o Demo. Precisamente este colectivo inauguraba onte na Biblioteca Nodal de Lugo unha exposición didáctica como parte da súa campaña para recuperar este popular monicreque. A acción súmase a propostas como a edición do libro-DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta, o Café da Memoria que se celebrou o pasado 26 de setembro no Museo do Pobo Galego sobre os titiriteiros, e outras actividades que Morreu o Demo está a desenvolver arredor deste títere tradicional.