
Criptografía, emprendemento, comunicación, educación ou música. Os temas que se abordaron nas dez conferencias do TEDx 2014 foron do máis variado. No entanto, desde a organización verifican a existencia de determinadas correntes nas charlas que se puideron escoitar no encontro. Segundo apunta Márcos Pérez, "o que máis nos preocupa como tendencia nas charlas do TEDxGalicia é o feito de que a forma lle gaña protagonismo ao fondo. Quizais somos os primeiros que temos contribuído a isto pero tamén pode ser a mostra dunha sociedade na que falamos moito máis do que facemos". A nivel de contidos, non entanto, a organización detecta unha corrente cara a propostas alternativas. "podemos ver un importante achegamento cara á necesidade de mudar as cousas. Este ano presentáronse alternativas para a educación, as empresas, o consumo, as redes sociais... chegando ata a cuestionar o propio concepto non evolucionado da vida democrática".
Á hora de facer a selección de conferencias desde ano, Pérez sinala catro conferencias que lle chamaron especialmente a atención.
Yo mono: Pablo Herreros
"Pablo investiga sobre o comportamento de primates trazando paralelismos aplicados a ámbitos humanos como a empresa, a política ou a educación. Na súa exposición, Pablo rompe algúns dos nosos prexuízos cara ao comportamento animal. Os resultados de experimentos con nenos e primates amosan como entre os instintos primarios existen valores positivos como a colaboración, a cooperación e o sentimento de xustiza. Entón, qué estamos a facer para conseguir apagar estes instintos?".
3 accións sinxelas para cambiar a educación: Xosé Manuel Dopazo
"Sen conexión premeditada das súas charlas, Xosé Manuel dános unha pista para responder á pregunta anterior. Xosé Manuel Dopazo é profesor de Lingua e Literatura e Diretor do IES Maruxa Mallo. Esta charla encerra a esencia dunha charla TEDx. Unha idea propositiva que nos permite tomar parte da resolución dun problema de interese xeral. Neste caso, Xosé Manuel provócanos cara a unha reflexión encol dos contidos superfluos que enchen os debates sobre educación e, sacando toda a palla do medio, conclúe con tres accións ben sinxelas que realmente mellorarían a educación".
¿Y si mañana cierra facebook?: Gonzalo Garré
"Con este suxestivo título a charla de Gonzalo Garré, membro do departamento de marketing da Escuela de Negocios NCG, expón a necesidade de volver pensar na comunicación como elemento de conexión máis que como fin en si mesmo. Centrado na importancia das persoas e desde a defensa da comunicación online, Gonzalo fai unha interesante proposta cara á racionalidade no seu uso".
La vaca emprendedora: Frankie Gómez
"Desde a crítica ao emprender por emprender como proposta válida fronte a todos os males da economía, Frankie Gómez fai unha divertida e realista charla que repasa os conceptos e aspectos claves do emprendemento a través dunha metáfora moi galega: a vaca. Frankie é actualmente CEO de Confirmsign".
Para alén destes exemplos, e como desafíos de cara ao futuro, logo dunha edición na que houbo críticas por problemas técnicos e de xestión do tempo, Pérez apunta que "falta un paso máis e traballamos insistentemente por lle dar o formato axeitado. O reto vén ser o de toda a vida, ser quen de pasar das palabras aos feitos