
Máis perto de nós, o guionista Manuel Poy e o debuxante Miguel Fernández Rey repiten colaboración e suman ao equipo a Pepe Rey para unha ambiciosa proposta. Diábolo Ediciones acaba de anunciar o lanzamento do primeiro volume de La espada de San Eufrasio. A serie de nove álbums ambientados nos anos previos á revolta irmandiña narra a historia de vinganza dunha familia de campesiños contra os señores da zona.
Tamén Kiko da Silva presenta novidade no panorama estatal. Dibbuks publica Curso de cómic Fiz, un volume no que o galego recupera o seu personaxe máis popular para ensinarlles aos máis novos como realizar banda deseñada, con moito humor e a escatoloxÃa habitual. A un nivel máis teórico, presentouse ao público o catálogo da exposición BDG 70. A revolta do cómic galego. A Universidade da Coruña publica este volume de 290 páxinas que recolle a catalogación das obras expostas canda textos de autores e materiais fotográficos entre outros contidos.
A estes lanzamentos súmanse outras propostas autoeditadas que se presentaron ao público en encontros como o coruñés Autobán e o vigués No tengo mamá, que inicia o vindeiro 1 de setembro a súa nova xeira. Entre estas destaca a sexta entrega do fanzine Altar Mutante, que suma ao seu universo o xogo de rol Marte satánico.