O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciou este 20 de novembro ante o pleno do Parlamento que o seu departamento está a traballar nun novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En resposta a unha cuestión do BNG sobre a situación deste departamento, Rodríguez asegurou que a reforma potenciará a súa "transformación e modernización" e permitirá adaptar este ente aos cambios normativos e á evolución do sector.
Das novidades previstas, Rodríguez destacou a creación dun posto de xerencia destinado a coordinar a xestión administrativa da Axencia. O novo estatuto recollerá tamén a plena inclusión do Centro Galego de Artes da Imaxe como parte do organismo, xa que ata o momento a adscrición do mesmo era funcional e non estaba recollida no texto reitor. Finalmente, crearase un departamento de danza que Cultura prevé sirva para potenciar o traballo no sector e no marco do cal se situará o Centro Coreográfico Galego.
Rodríguez recoñeceu que este proceso vai afectar ás remudas na dirección do Centro Galego de Artes da Imaxe e mais do Centro Coreográfico. A selección de novas persoas para estes postos atrasarase ata logo da reforma do estatuto da Agadic.