
Os trece temas do álbum parten de investigacións en diferentes arquivos sonoros do país combinados con recollidas realizadas por todo o país, con varias pezas tiradas das gravacións do etnógrafo danés Gustav Henningsen nos anos 60. A vocación festeira marca o carácter co que nace este proxecto, cuxos compoñentes destacan que "o canto e o baile tradicional tiveron unha función vertebradora na vida da comunidade galega. Nelas a danza e a diversión, os momentos máis lúdicos, ocuparon un papel fundamental, e cremos que cada xeración debe recrear e revitalizar estas músicas para que pervivan. Con Ailá queremos facer festa, facer bailar".

A potenciar esa intención, o grupo apostou polo sistema de notación dos bailegramas para a danza tradicional, desenvolvido por Serxio Cobos, e achega a versión neste formato da súa Muiñeira de Frades para facilitar a súa interpretación.
Acordeón, pandeireta, bombo, fliscorno, tarrañolas, gaita "rosca", cunchas ou tixolas atópanse nun proxecto que combina as bases tradicionais con elementos do jazz e mesmo toques de música balcánica. O proxecto conta coas colaboracións de Andrés Vilán, Manuel Amigo, Nikolai Velikov, Pedro Lamas ou Pedro Pascual. O álbum foi gravado por Roberto Ledesma nos estudios Son Natural e sae autoeditado pola propia banda. O Auditorio Municipal de Cangas acollerá o 28 de maio o concerto de presentación do disco.