
Nesa cita, pensada inicialmente para celebrar o aniversario, vaise levar a cabo unha liturxia de despedida dos directos para a formación, segundo os membros da banda. O avance dos anos e as complicacións deste período pandémico semellan ter precipitado a decisión de deixar de patear as estradas e subir aos escenarios a executar o seu potente repertorio de punk rock que levan defendendo desde 1981 con algúns dos himnos máis coñecidos en todo o territorio español. O concerto promete un reencontro e despedida á altura da súa traxectoria, reunindo aos 8 músicos aínda vivos (Germán Coppini sería o noveno) que formaron parte do grupo ao longo dos anos. Hernández asegurou unha boa coda con ata 40 temas a interpretar para a ocasión. Pero para Siniestro Total deixar de lado as xiras e os concertos non é o mesmo que desaparecer, aínda que poida ser moi parecido. A única separación que aseguran e a da simbólica (e real) furgoneta. Na súa comparecencia non desbotaron manter a actividade discográfica, co cal a marca Siniestro Total, non entra realmente no depósito de despece nin deixa de ser un ente musical vivo de cara a o futuro, o que fai sospeitar que talvez o derradeiro concerto, malia que eles o desmintan, podería converterse no último dun longo ciclo.