
Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento, sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións. Así, máis de 10.000 euros destinaranse a restaurar o volanteiro guardés 'O Piueiro', unha embarcación tradicional da zona transfronteiriza con Portugal propiedade da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais O Piueiro de A Guarda. Trátase dunha embarcación de 12,22 metros de eslora total, sen cuberta, propulsada a vela e manualmente mediante remos, que conta cunha vela latina de 85 metros cadrados, suxeitada por un mastro de 12 metros e unha botavara de 10 mestros. A súa construción levouse a cabo grazas a recompilación de documentación e arquivos dispoñibles nas zonas costeiras de Baiona hasta Poboa de Varcim (Portugal). Actualmente, 'O Piueiro' ten un papel fundamental para dar a coñecer unha parte da historia mariñeira de A Guarda e para que todas as persoas visitantes que se acerquen a vila poidan visitar e mesmo realizar rutas pola zona costeira. Acolle rutas marítimas pola costa, participa nas Festas do Carme, e tamén na homenaxe a Rosalía de Castro, entre outras actividades. Para dar continuidade a estes proxectos, a embarcación precisaba de melloras na vela, nas drizas e aparellos, na pasteca, así como a instalación dun novo transformador e a colocación dunha batería de emerxencia.
Ademais, dúas asociacións da comarca do Morrazo van recibir este 2022 case 16.500 euros para poñer en valor o patrimonio marítimo da zona recuperando o galeón Eliseo (1908) e o bote xeiteiro e polbeiro 'Os Galos' . Un importe semellante é o concedido a o Club Mariño A Reiboa de Poio e a Asociación Remare Insieme de Pontevedra para a restauración de dúas embarcacións tradicionais na comarca de Pontevedra que se destinarán á promoción da cultura mariñeira en diferentes ámbitos: o galeón 'Luisa III' e a traiñeira Os-Tras. No caso da Asociación de Amigos do Museo Etnográfico 'A Casa do Patrón' de Codeseda, a axuda ascende a 4.755,30 euros, e destinarase á restauración do muíño de regueiro de 'Entre Ríos' e a súa musealización. Trátase dun antigo muíño de regueiro de cubo soterrado, propiedade de 16 herdeiros, unha verdadeira xoia cuns 200 anos de antigüidade na ribeira do río Asneiro, afluente do Deza. Por outra banda, a Asociación Etnográfica de Codeseda vén de recibir unha axuda de 1.432,64 euros para poñer en marcha un proxecto para restaurar e consolidar os principais aparellos etnográficos utilizados tradicionalmente na pesca marítimo-fluvial en Galicia, tanto existentes en almacén, como de nova incorporación ao Museo 'Casa do Patrón'. Tamén se pretende realizar a montaxe dunha nova sala monotemática de exposición permanente, creando un espazo a tal fin nas instalacións actuais.