
A Asociación Xente Titiriteira, que organiza o evento, destaca no programa a presenza dalgúns dos máis recoñecidos especialistas en marionetas de fío a nivel mundial. Colgado dun fío,do italiano Di Filipo Marionettes; Animación suspendida, do estadounidense Huber (no Auditorio da Xunqueira) e o portugués Rui Sousa cos seus Fios mágicos, súmanse ao xa clásico Titiricircus de Tanxarina Títeres.
O belga Plansjet, os cataláns Galiot Teatre, Le Guignol Orthopédique de Madrid, os manchegos El Retablo de la Ventana, a compañía brasileira Mosaico Cultural e a súa María Bonita, o arxentino Pablo Picallo ou os andaluces La gotera de la Azotea fan parte dun programa que encherá as rúas da vila de animación.
Canda a estes, nos espectáculos de sala o Auditorio da Xunqueira acollerá representacións de Vida da compañía aragonesa Javier Aranda, Nosferatu, dos franceses Bob Théâtre, a Antoloxía de Jordi Beltrán, Nube nube dos murcianos Perifeira Teatro e mais EcO de Ymedio Teatro (Andalucía).
Como é habitual, esta proposta complementa as actuacións escénicas con charangas, o mercadiño titiriteiro ou a ruada "Mortos de risa", dedicada nesta ocasión aos monstros e o misterio. Ademais, o ciclo de actuacións escolares achegará os títeres a case 1.500 alumnas e alumnos dos centros da vila. O programa concédelle un especial protagonismo á compañía Trécola con motivo do seu 40 aniversario, e dedicaralle unha exposición monográfica nos escaparates da vila.