A reivindicación do patrimonio das alvarizas colle pulo

Unha guía cataloga estas construcións na zona norte de Pontevedra

Unha guía cataloga estas construcións na zona norte de Pontevedra
Alvariza. By m.dolores paderne sa…, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=54440156
O grupo de desenvolvemento rural Terras de Pontevedra Norte acaba de publicar, en papel e na rede, a guía Alvarizas Terra de Pontevedra Norte. Este traballo de investigación de Nicolás Varela dá conta de cincuenta destas construcións para protexer colmeas nos concellos de Lalín, Silleda, Forcarei, Dozón e Rodeiro.

O traballo de Varela destaca a existencia na zona de cercados deste tipo de grande tamaño, como o que se conserva na proximidade do mosteiro de Acibeiro e que podería ter orixe medieval. Ademais salienta a peculiaridade de que a maioría dos mesmos está situada na proximidade de cursos de auga a manter a orientación sur propia destas construcións.

O traballo de Varela continúa unha tendencia pola documentación e reivindicación deste patrimonio etnográfico que deu nos últimos anos na publicación de diferentes traballos a dar conta do seu peso en distintas comarcas. Con diferentes formas e caracterizadas polo uso da pedra seca, estes recintos contan con diferentes formas e tamaños, e na súa maior parte atópanse abandonados.

Deste xeito, tamén na zona do Deza, en novembro de 2023 o Seminario de Estudos do Deza publicaba Catálogo das Alvarizas da Terra do Deza e a Serra do Candán, asinado por Jesús Taboada Martínez. Tamén recentemente Damián Porto Rico e Francisco Azurmendi lanzaron no web Tabeirós Montes un volume con este mesmo título, logo dunha polémica sobre a autoría do material. A obra documenta nada menos de 125 construcións deste tipo e dá conta da súa distribución neste territorio.

Na Costa da Morte, Carme Toba localizou máis de medio cento e recolleu ademais diferentes tradicións sobre a apicultura e os seus traballos e construcións na monografía A cultura do mel na Costa da Morte, publicado o pasado mes de novembro de 2023.

O Xeoparque Montañas do Courel desenvolveu o seu propio estudo sobre estes bens, e en 2020 contaba xa con máis de 230 localizadas. A Fundación Oso Pardo ten tamén na rede desde 2019 un estudo sobre este mesmo territorio a contar 192 exemplos na zona.