
A compañía presenta na montaxe preguntas que tratan sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. Sobre a posibilidade de ser considerada unha muller marabillosa e ao mesmo tempo poder vivir simplemente como unha muller independente e autónoma. Sobre a posibilidade de aceptar que sexa unha muller xorda quen rache os silencios sociais ou que sexa unha muller cega quen abra os ollos da sociedade diante da inxustiza que nos rodea. Alén diso resoa a posibilidade da utopía entendida como unha función da nosa memoria. Chévere asegura que estre proxecto chega para modificar algunhas das chaves do seu traballo anterior, "tratando de cuestionar o noso propio modus operandi para seguir desbordando os límites e as estratexias das prácticas actuais de teatro documento. Para fuxir do ensimismamento. Para non saír na foto. Para non perder o costume de seguir buscando".
Este tamén é un traballo que cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, xa que explora as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Por iso na mesma obra intégrase a lingua falada en galego (en castelán na xira do resto do Estado) e a lingua de signos. A estrea será este vindeiro 15 de febreiro e a obra estará alí ata o vindeiro día 25. Tras diso comezará a súa xira por diferentes teatros comzando por Soria, carballo e Vigo e que inclúe estar en cartel entre o 15 marzo e o 7 abril no Teatro Valle Inclán de CDN en Madrid, e do 9 ao 19 de maio en Teatre Lliure de Gràcia en Barcelona.