
Fran Lareu e Anxo García con dirección de María Peinado protagonizan a obra galega na que, segundo explica a compañía "un par de trapeiros chegan a unha parada no seu camiño despois de días de longa viaxe cara á Feira do Vento. Traen consigo unha carga enorme de todo tipo de obxectos estraños: cortinas rimbombantes, paus de todos os tamaños, bolsas das que despuntan teas dunha chea de tecidos e cores, e algo que semella ser unha enorme e aparatosa mochila de madeira". Monicreques e traballo actoral mestúranse nesta proposta que destaca a importancia de contar como xeito de superar a opresión nun contorno ditatorial. A música ten espazo no programa do festival e estará representada tamén por unha formación tradicional galega, o grupo "A Ponte Vella".