
Nas propostas previstas destacan presentacións de obras como as que realizarán Ángeles Caballero, Manuel Jabois, Cristina Sánchez-Andrade, Ledicia Costas ou Tereixa Constenla, que estará a acompañada por Jose Alves da Costa, un dos protagonistas da Revolución dos Caraveis para dar a coñecer a obra Abril é un país. O tradicional Vermú de Pinto e Maragota permitirá coñecer o traballo gañador deste premio pola diversidade sexual e de xénero. Nesta actividade María Carmen Caramés Grogal contará co acompañamento musical de Gael de Papel.
Na sección Mulleres protagonistas, Eva Mejuto guiará unha conversa María Solar, Rosa Aneiros, Llerena Perozo e Sara Vila, mentres o espazo Enfiando Lecturas reunirá a BD de Afra Torrado, a poesía de Branca Trigo, a divulgación de Edu Lavandeiras e a novela de Marta Estévez.
Un debate literario da man de Montse Pena, Mercedes Queixas, Montse Dopico e Xurxo Souto porá en valor a figura de Luísa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas, na mañá do domingo. No mesmo día o encontro A primeira vez dará a coñecer os traballos de debut de Laura Portas, Alba Guzmán Falcón e María Alonso Seisdedos.
A poesía contará no programa coa presentación do último traballo de Antón Lopo e o recital poético TRINCA. Canda a eles, Alberto Pombo dará a coñecer o seu libro Verso e acorde. Relación entre literatura galega e música pop, mentres Antón Reixa amosaralle ao público a súa nova antoloxía lírica.
Para o público máis cativo están previstas as actuacións de Pakolas, Polo Correo do Vento e mais Paco Nogueiras e Marc Taeger.