
Deste xeito, proxectarase o documental O andar da Pedra, sobre a historia do Templo da Veracruz, realizado por Palacios. Ademais, haberá unha conferencia con esta figura como protagonista a cargo do Catedrático emérito da Facultade de Arquitectura e Urbanismo da Universidade Politécnica de Madrid José Fariña Tojo, e José Manuel Mouriño presentará o seu proxecto Atlas Palacios 2024-2026. O programa inclúe ademais unha visita ao patrimonio arquitectónico do arquitecto que se conserva en Mondariz-Balneario.
Canda a isto, haberá intervencións sobre cuestións como os palcos da música da comarca, as antigas tabernas como "centros de difusión e animación patrimonial", a escultura castrexa, a danza de Xuvencos, o cemiterio de Sta. María do Campo ou a relixiosidade popular na zona.
Tamén haberá conferencias sobre a Vila Romana de Coto dos Mouros, o castelo de Castro Cabadoso ou diferentes aspectos da viticultura no Ribeiro. Ademais, en paralelo ao congreso poderá verse a exposición fotográfica O Carballiño e O Ribeiro no obxectivo de Chamoso Lamas.