Lula Goce abre o seu estudio por un día

A recoñecida muralista amosará formatos de creación sobre lenzo, madeira e papel

A recoñecida muralista amosará formatos de creación sobre lenzo, madeira e papel
Lula Goce foto: Galería DUPLA
A artista baionesa Lula Goce abrirá este venres o seu espazo de traballo ao público en Nigrán, dentro da súa comarca de orixe do Val Miñor. A recoñecida muralista, de proxección internacional polos seus traballos sobre edificios ou en espazos públicos, que mesmo ten traballado por encarga para a ONU en varios países, permitirá o acceso ao seu obradoiro persoal nunha xornada única e festiva desde as 19:30 horas ata a medianoite. Na xornada organizada en colaboración coa compostelá Galería DUPLA, onde recentemente protagonizou unha exposición, Goce amosará outros formatos de creacións artísticas sobre lenzo, madeira e papel nos que está a traballar, baixo o título expositivo 'Inner garden'.

O evento de portas abertas de un só día terá lugar no estudio sito na Rúa José María Revendo Pérez Alonso, 3 de Nigrán. Contando coa colaboración musical do dj Borja Concheiro agárdase crear un ambiente que favoreza un achegamento máis persoal a estes novos formatos plásticos complementarios do seu aclamado muralismo de rúa e cos que a artista está tamén a expresarse. Haberá ademais ocasión de coñecer mellor á artista, os seus métodos de traballo e ferramentas así como acceder outros materiais propios de distribución limitada.