A RAG reclama mudanzas para reverter a situación do galego

A entidade emitiu unha declaración institucional a reivindicar cambios no sistema educativo e unha revisión do Plan Xeral de Normalización

O pleno que a Real Academia Galega (RAG) celebrou este venres 13 de decembro fechouse coa emisión dunha declaración institucional sobre a situación da nosa lingua. Neste texto, a Academia reclama medidas para reverter a situación de devalo na que se atopa o galego, apunta o Goberno autonómico como primeiro responsable da situación e reclama ao tempo un acordo social para desenvolver "un proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione".

No pronunciamento, a RAG advirte que nesta cuestión "a responsabilidade é de toda a sociedade galega, pero moi fundamentalmente de quen detén o goberno e dispón, xa que logo, dos mecanismos de actuación e planificación", e conclúe que "a primeira responsabilidade é, por tanto, do goberno galego". Aínda que salienta a problemática da transmisión interxeracional, a entidade destaca o impacto que está a ter o sistema educativo na castelanización da infancia, a lembrar que "os obxectivos (...) establecidos pola Lei non se compren".

Canda a outras medidas, o texto amosa a preocupación da Academia polo recente proxecto de lei para os medios públicos que contempla o uso doutras linguas nestes espazos, reclama un maior apoio ás iniciativas culturais na nosa lingua e demanda "unha política estimulante que incorpore o galego ao mundo da empresa, a publicidade, o comercio, os deportes, o lecer, o culto relixioso etc. , e mais que o active na administración pública, na sanidade, na xustiza...". Canda a isto reivindica un "achegamento ao portugués sen renunciar ao galego potenciando a dimensión internacional do idioma a través da lusofonía".

A RAG considera que estas medidas deben inserirse unha revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega para o que reclama contar cos axentes sociais. Este novo texto deberá contar "con medidas concretas, dotadas do correspondente orzamento, e obxectivos temporalizados, con indicación dos órganos executores e previsións de avaliación periódica do seu cumprimento".

Na mesma liña, o cumprimento íntegro da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas aparece para a RAG como un obxectivo fundamental no novo marco legal do galego, "incluíndo un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o decreto de plurilingüismo de 2010, que diminuíu a presenza do galego no ensino" e que a propia RAG recorreu legalmente. Así, "tal como esta Carta prevé, debe ofertarse unha liña de ensino en galego desde a escola infantil á Universidade".

Finalmente, a entidade reclama un novo Pacto pola Lingua Galega "que implique o conxunto da sociedade" para o que "insta a Xunta de Galicia e as forzas políticas a iniciaren o novo curso político cun proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione. Cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas. Esta é unha tarefa urxente, que non admite máis demoras".

A coincidir con este comunicado, a RAG presentou un informe elaborado polo seu Seminario de Sociolingüística a partir dos datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre a evolución do uso do galego desde 1992. No mesmo, denúncianse estas cifras como "unha proba rotunda" das consecuencias do Decreto do plurilingüísmo e, en xeral, "do abandono das políticas de protección do galego, incluíndo os discursos sociais que o acompañaron: o incremento do monolingüísmo en castelán e diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso".

Como conclusións, este texto apunta que "o declive cada vez máis pronunciado do galego estase achegando perigosamente ao limiar do colapso". No entanto, considera que "tendo en conta a notable vitalidade do idioma e o sólido compromiso de sectores significativos da cidadanía galega, esta tendencia é reversible" para o que reclama o desenvolvemento de políticas eficaces ao respecto "que conten co imprescindible impulso das institucións e co respaldo da maioría da sociedade".