Dous proxectos galegos sitúanse no podio da arte urbana mundial

O lugués Bubblegum obtivo o premio Artist Choice no certame Street Art Cities

O certame Street Art Cities, que recoñece anualmente os mellores traballos de arte urbana en todo o mundo, conta de novo con propostas galegas no seu palmarés. O lugués Bubblegum impúxose na categoría Artist Choice, que escolle un panel internacional de artistas, polo mural Ornamental Ocelot, que pintou en Cheste, Valencia.

Segundo describe o propio artista, nesta peza o animal aparece "como gardián, colocado de xeito estratéxico nunha ruela para impoñer a súa presenza e protexer o espazo. O estilo en si inspírase nunha mestura de influencias, incluíndo esculturas modernistas, gárgolas e tatuaxes". Segundo sinala, na súa obra incorpora "elementos como rosas, e a luz indirecta xoga un papel esencial. A miña paleta preferida de tons cálidos (vermelhos e laranxas combinados con marróns) engadiu un toque vibrante pero harmonioso a este mural".

Canda a el, nas votacións populares o traballo Charanguista andino, que realizou o chileno Cristóbal Persona no Perla Mural Fest de Fene, quedou en primeiro posto. A organización do certame resolveu outorgarlle este galardón logo de quedar en terceira posición ao comprobar irregularidades nas votacións dos dous primeiros clasificados. Na pasada edición do certame tres obras galegas fixéronse cos premios por votación popular.

***Actualizada o 6/2/2024***