A Cidade da Cultura afonda no dixital para o 2025

Ven de presentar a súa programación con varias propostas sobre artes dixitais e retrospectivas de Asorey e Rafael übeda

Ven de presentar a súa programación con varias propostas sobre artes dixitais e retrospectivas de Asorey e Rafael übeda
O programa expositivo da Cidade da Cultura de Galicia para este ano propón unha trintena de mostras, instalacións inmersivas e intervencións artísticas que abrirán as súas portas nos diferentes espazos do Gaiás, pero que chegarán tamén a vilas e cidades de Galicia, así como a Madrid e outros lugares fóra da nosa comunidade. Así o presentou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. A coincidir este coa finalización das obras do Centro de Artes Dixitais de Galicia a aposta polas artes dixitais refórzase, así a primeira das novidades para este ano será 'Orixes', unha viaxe virtual e inmersiva para descubrir a evolución da vida no planeta Terra, que abrirá as portas no Museo Gaiás a finais de febreiro.

En fase de desenvolvemento anunciouse tamén unha Instalación inmersiva ao redor de Castelao neste ano conmemorativo da súa memoria. A instalación, desenvolvida por empresas galegas, proporá un achegamento á figura e ao universo creativo de Castelao a través da súa obra plástica, mergullando as persoas visitantes nun percorrido sensorial e envolvente ao redor do legado desta figura central da cultura galega, permitindo tamén "interactuar virtualmente con el ou levar consigo unha lembranza única desta experiencia".

Outra das apostas do Museo Centro Gaiás para este ano será a exposición 'Mundo expandido, entre o físico e o virtual', un proxecto en colaboración coa Fundación Telefónica concibido para internarse nos límites entre a realidade física e os mundos dixitais, tanto explorando tecnoloxías inmersivas como a realidade virtual, aumentada ou mixta, como a través de audiovisuais, fotografías, pinturas ou instalacións de destacados artistas contemporáneos.

Itinerancias expositivas
O conselleiro avanzou ademais un programa de itinerancias expositivas desenvolvidas desde o Gaiás que, só na primeira metade do ano, incluirá ata sete proxectos en Madrid, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Baiona ou Ponteareas. A estas sumaranse outras que se irán dando a coñecer nos vindeiros meses, "traballando co obxectivo de que a Cidade da Cultura sexa cada vez máis unha Cidade da Cultura de toda Galicia, unha factoría que desenvolve proxectos dos que gozar nos seus espazos físicos, pero tamén para facer circular por centros de toda a comunidade e exportar fóra de Galicia para difundir a nosa cultura", remarcou López Campos. Así, á itinerancia xa anunciada da exposición Outras historias posibles a Pontevedra, súmanse dúas no Museo do Mar de Galicia en Vigo, que acollerá unha adaptación de Unha vida viquinga —centrada na vida en Galicia durante a época viquinga— ou a retrospectiva fotográfica do traballo realizado na nosa comunidade polo fotógrafo húngaro Nicolás Muller, un dos grandes documentalistas do pasado século. Pola súa banda, a instalación 'Hábitats. Natureza estendida' poderá visitarse na Coruña a partir da primavera, en colaboración con Afundación, mentres que a mostra fotográfica 'A Vía da Prata. Aires do Sur', abrirá as súas portas en abril na Casa de Galicia en Madrid.

Museo Centro Gaiás
No outono de 2025 abrirá as súas portas no Gaiás unha exposición monográfica que afondará no complexo mundo creativo d escultor Francisco Asorey, e que se propón completar a imaxe do Asorey máis coñecido poñendo o foco en obras como as súas escaiolas, cerámicas, ou debuxos. Antes diso, na primavera, chegarán outros dous proxectos expositivos: en primeiro lugar, unha das maiores retrospectivas do artista pontevedrés Rafael Úbeda, que aos seus máis de 90 anos e aínda en activo é un dos decanos da pintura en Galicia e conta con obras en museos como o Reina Sofía e outras destacadas coleccións, tendo acadado un grande recoñecemento na arte europea, e realizado exposicións en países como Alemaña, Países Baixos, ou Nicaragua. A mostra percorrerá as súas preto de sete décadas de creación artística.

Por outra banda, a Cidade da Cultura acollerá tamén a partir de xuño a retrospectiva máis ampla ata a data dun dos grandes fotógrafos das últimas décadas, o ucraíno asentado en Vigo Boris Savelev, premio PHotoESPAÑA 2024. A mostra recollerá a súa ollada única sobre a vida urbana, entre a realidade e a memoria, que xa forma parte de coleccións internacionais como as do MoMA de Nova York, a Staatsgalerie de Stuttgart, ou The Art Institute of Chicago, entre outras.