O Consello da Cultura Galega presentou hoxe á mañá o volume Saber de Nós. O Seminario de Estudos Galegos, da man de Rosario Álvarez, presidenta da institución e os dous editores do libro, Henrique Monteagudo e Ramón Villares. Trátase de máis de vinte traballos que abordan a traxectoria do Seminario de Estudos Galegos (SEG) tanto desde a súa produción científica e incardinación no ámbito galego da época, como da súa comparación con outras institucións de alta cultura de ámbito peninsular ou europeo. Na presentación, Henrique Monteagudo destacou a capacidade innovadora do SEG por introducir novos procesos de traballo e de relación na universidade menos xerárquicos, a "visión orgánica do país e o feito de que era a primeira vez que se empregaba inequivocamente o galego para o nome dunha institución". Por outra banda, Ramón Villares destacou a significación do SEG no seu momento e ata hoxe, como unha "ruptura xeneracional e cultural" e no alento internacional deste tipo de institucións. No volume participan investigadores coma o propio Ramón Villares, o finado Justo G. Beramendi, Alfonso Mato, Uxío-Breogán Diéguez, Xerardo Pereiro, Oscar Penín, Susana Reboreda ou Miguel Anxo Seixas, entre moitos outros. O volume pode descargarse de balde no web do CCG.