Unha xornada reivindica o papel das librarías para o futuro do libro galego

Celébrase hoxe mércores a partir das 16.30

A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura organiza esta tarde a xornada "As librarías, un ecosistema posible para o libro galego", co obxectivo de "explorar as posibilidades das librarías como ecosistemas posibles para o libro galego no século XXI". A xornada reivindica o papel destes establecementos como clave para a resistencia do libro en papel e do libro en galego, pero tamén pola súa capacidade de "reinvención" incorporando "actividades singulares e da dinamización de comunidades diversas". A xornada inclúe unha conferencia de Celia Fernández, secretaria da Federación de librerías de Galicia, sobre "a libraría como refuxio e trincheira do libro galego", unha mesa redonda sobre modelos posibles de librarías en Galicia, con libreiras de Bahía, Galgo Azul e Lila de Lilith, e outra sobre "espazos de colaboración coas librarías", na que participan institucións e entidades asociativas. A xornada retransmítese por streaming.