
A obra presenta a El e a Ela, unha parella que, despois de romper a súa relación, volven a atoparse para recordar ao longo dunha noite os vellos tempos. Neste encontro lembran os soños, os medos, os éxitos e os fracasos que compartiron, facendo balance da súa historia en común a través doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción. A montaxe mestura diferentes linguaxes escénicas e afonda no carácter híbrido do texto, combinando o traballo da interpretación co vídeo en directo, a utilización de máscaras e mais o movemento. Trala súa estrea en Lugo, chegará ao Salón Teatro de Santiago de Compostela a comezos de maio, con funcións para público xeral o sábado 3 ás 20,00 h. e o domingo 4 ás 18,00 h., así como un pase especial para escolares o luns 5 en horario de mañá. A compañía ten previsto visitar tamén en Sarria, Meira, Quiroga, Burela, Vilalba, Barreiros, Ribadavia, Cedeira e Outes.