O Consello da Cultura celebra a terceira sesión de Un país coa súa lingua

Os ámbitos asistencial, sanitario e científico protagonizan o encontro este 23 de abril

Os ámbitos asistencial, sanitario e científico protagonizan o encontro este 23 de abril
A partir das 16.30 horas da tarde deste 23 de abril, a sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela acolle a terceira sesión de Un país coa súa lingua. O foro participativo que pretende ofrecer medidas propositivas para recuperar o vigor do galego céntrase nesta xornada celébrase baixo o lema "Sanidade, ciencia e servizos sociais".

Coordinada por Iolanda Casal, a sesión "reflexionará sobre a situación do idioma en a atención a colectivos vulnerables, servizos sociais, así como a inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos", segundo sinala a institución, que transmitirá o encontro pola súa canle de Youtube.

A xornada conta con relatorios a cargo de María Otero Fernández, traumatóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; Daniel Bóveda Castro, responsable territorial de Accem, organización sen ánimo de lucro especializada en proxectos de protección internacional e mais Felipe Gil Castiñeira, catedrático de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo.

Logo destas intervencións desenvolverase unha conversa estruturada na que participarán profesionais de ámbito sanitario, científico e servizos sociais. Lidia Carballo Costa, profesora de Fisioterapia da Universidade da Coruña; Francisco Xosé Pérez Pérez, médico residente de Medicina Familia e Comunitaria; Gemma Rojo López, doutora en Enxeñaría Civil e técnica de xestión de I+D do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña; Jaime Amaro Blanco, técnico da Unidade de Cultura Científica e da Innovación do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e as traballadoras sociais Laura Zapata Criado e Tamara Vedo farán parte deste encontro.