A Mesa e a AELG levan á ONU a situación do galego

Unha vintena de personalidades da lusofonía apoian o informe que se presentou no organismo internacional

O Comité de Dereitos da Organización das Nacións Unidas recibía este 29 de abril o informe Os Dereitos Lingüísticos na Galiza. A Mesa pola Normalización e mais a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega levaban ata o organismo internacional a denuncia pola situación do noso idioma coa intención de que se teña en conta no 49 exame universal ao Estado español que realiza este organismo.

Segundo lembra A Mesa, "o dito informe sinala os incumprimentos de acordos internacionais en relación aos dereitos lingüísticos por parte do Estado español e, nomeadamente, da Xunta de Galiza. Estes incumprimentos afectan á educación e dereitos da infancia, prevención do acoso por razón de lingua, dereitos civís e dereitos políticos, administración de xustiza, dereito ao propio nome, liberdade de imprensa, administración e servizos públicos, toponimia, forzas e corpos de seguranza, audiovisual, concesións públicas de xestión privada e ámbito económico e laboral ou saúde".

O texto conta co aval de "26 relevantes persoeiros da cultura de países lusófonos". Entre estes nomes como os reputados escritores angolanos Pepetela e Ondjaki, o caboverdiano Germano Almeina, a cantante angolana Aline Frazão, a escritora portuguesa Lídia Jorge, o dramaturgo Jaime Rocha, Yara Frateschi Vieira ou Válter Hugo Mãe entre outras figuras.

A vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas, lembrou na presentación deste texto "que a Xunta de Galiza continúa negándose a aplicar os requirimentos do Consello de Europa ou do relator especial da ONU para as minorías e reclamou entre outras accións urxentes: eliminar as restricións ao uso do galego no ensino, na docencia e material didáctico, avanzar para o galego ser a lingua vehicular da educación en Galiza, programas e protocolos de prevención do acoso escolar por razón de lingua, o uso do galego na xustiza e administración, mecanismos para garantir a disposición do noso idioma no ámbito socioeconómico ou no audiovisual e atender de maneira adecuada a vulneración de dereitos lingüísticos".