
Este ano poderán verse varios espectáculos de compañías galegas que contaron con apoios á produción por parte da MIT, como son: 'Reconversión' de Ibuprofeno Teatro, con oito intérpretes en escena, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso; 'Non Pasarán' de Ártika Cía, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e Tito Asorey; e 'Profetas' de Ítaca Teatro, peza que leva a escena un texto de Ernesto Is gañador do Premio Abrente, baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio. Estas pezas poderán verse nos días 23, 20 e 25 de xullo respectivamente. Ademais, como novidade, este ano engaden o apoio a unha produción estatal, a obra 'Tierras raras' de Luz Arcas / La Phármaco, en coprodución con Mercat de les Flors de Barcelona e Ma-scène national Pays de Montbéliard (Francia) e coa complicidade de Teatro Central de Sevilla e MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Unha peza que vén de ser estreada en Madrid o pasado 30 de maio e que terá a súa estrea galega na Mostra. Unha montaxe que reúne baile e cante en directo sobre a codia terrestre, sobre o exercicio de escarvar e sobre a beleza e a destrución que se esconde por baixo dela. Sobre o choque entre os tempos xeolóxicos e os ciclos humanos. A obra poderá verse o día 25 de xullo no Auditorio do Castelo, con seis persoas en escena.
Seguindo a liña de apoio á creación, a MIT renova a colaboración coas Residencias Paraíso do colectivo RPM, que traerán á dupla formada pola coreógrafa e bailarina Natalia Fernandes e a artista visual Natalia Azparren co seu proxecto 'Dormidos y cerrados los ojos bailan' que estará en residencia na Igrexa da Madalena e que finalizará cunha mostra aberta ao público. Ademais, reforzan o espazo de apoio á creación a través doutras residencias artísticas, que poñen o foco nos procesos artísticos comunitarios. Acóllese a La Volátil, novo colectivo artístico que reúne aos galegos Irene Moreira e Álex Sobrino coa andaluza Rosa Romero, que estarán traballando no seu proxecto 'Pan, nubes y chocolate' a través dun obradoiro participativo e dunha labor de recollida de memorias esquecidas, lugares historias persoais ocultas. Será a primeira vez que se presenta publicamente este colectivo que establece unha ponte entre Galicia e Andalucía. Tamén acollen en residencia, en colaboración co Centro Dramático Galego, á autora e directora escénica portuguesa Patricia Portela, co seu proxecto 'Os passadores' que pretende abordar cuestións de nacionalidade e emigración na actualidade, a partir da recollida de historias reais sobre exiliados, fuxitivos e pasos de contrabando do período entre 1936 e 1975 en España e Portugal. Portela desenvolverá tamén un obradoiro comunitario e un traballo de pescuda sobre Ribadavia e os lugares de fronteira máis próximos con Portugal.
Entre as compañías internacionais, este ano visitarán a Mostra a compañía portuguesa Circolando, co seu espectáculo híbrido Crátera, que poderá verse o xoves 24 de xullo no Auditorio do Castelo. E a compañía italiana Parini Secondo, co seu innovador 'HIT (out)', unha proposta entre coreográfica e performativa sobre a insistencia de saltar e un exercicio de resistencia e ritmo que sorprenderá nas rúas de Ribadavia os días 24 e 25. A programación completa, que este ano inclúe un total 23 representacións escénicas e outras actividades paralelas, será presentada o próximo 26 de xuño.