
Segundo apunta a presentación do volume, "nun contexto marcado pola globalización, os desprazamentos e a transformación dos espazos de socialización, as linguas deixan de ser entendidas unicamente como sistemas formais para revelárense como escenarios nos que se negocian ideoloxías e identidades. Este volume propón unha reflexión sobre como se constrúen, cuestionan e reformulan as identidades lingüísticas e as ideoloxías que as acompañan, tanto no contexto galego como noutros escenarios multilingües".
Deste xeito, a perspectiva adoptada na obra "recoñece que as linguas non son entidades estáticas, senón construtos sociais en permanente negociación: desde as redes sociais ata as aulas, desde os procesos migratorios ata as dinámicas familiares, as prácticas lingüísticas emerxen como espazos de resistencia, acomodación e creatividade. O humor, a performance, a intermediación lingüística ou a carnavalización convértense así en ferramentas que permiten visibilizar e cuestionar as ideoloxías dominantes".
Entre os artigos, Noemi Basanta Llanes e Xosé Luís Regueira, analizan interaccións nas redes sociais entre o programa #DígochoEu (CRTVG) e @emgalego, da Associaçom Galega da Língua, a abordar "como as redes se converten en novos escenarios de lexitimación e disputa da autoridade lingüística". Gabriel Rei-Doval analiza no seu artigo "a relación entre a autoridade lingüística e o contacto galego-castelán, centrándose no proceso de estandarización do galego". O seu estudo, segundo recolle a introdución do volume, apunta que "o galego estándar non conseguiu unha aceptación plena, especialmente na oralidade, onde persisten as interferencias do castelán. A discrepancia entre as elites lingüísticas estandarizadoras, que promoven unha norma estrita, e a comunidade de falantes, que defenden un uso máis flexible e natural, é unha das principais tensións". Xunto con isto, "indaga tamén como as dinámicas de estandarización se relacionan coas ideoloxías do nacionalismo político galego e as dificultades de implementar o galego normativo na vida cotiá da poboación galegofalante".
Luke Bishop, pola súa banda, investigou os perfís e motivacións das persoas neofalantes de Ourense, identificando distintos modelos de uso e percepción da lingua, "desde quen adopta o estándar normativo ata quen recupera o galego dialectal ou o aprendido na infancia", a amosar as diferentes opcións coas que as persoas se achegan ao uso da nosa lingua. Gabriela Prego Vázquez, María Caamaño Rojo e Luz Zas Varela analizan biografías lingüísticas familiares de varias persoas novas coa intención de "comprender como se constrúen e reproducen as ideoloxías sobre as linguas no contexto educativo e social". Para as autoras "a incorporación das linguas do alumnado nas prácticas educativas contribúe a unha educación máis equitativa e transformadora, que valoriza a diversidade e promove unha aprendizaxe inclusiva".
A pechar o volume, María Sampedro Mella, "ofrece unha análise contrastiva das fórmulas de tratamento usted (castelán) e você (portugués europeo), centrada na súa evolución histórica, usos pragmáticos e percepcións sociais", a revelar "como estas formas, malia o seu prestixio tradicional, se atopan hoxe estigmatizadas en ambas as dúas linguas, aínda que por motivos distintos".
A intermediación lingüística de menores en familias migrantes, os usos lingüísticos de persoas descendentes da diáspora galega ao se trasladaren ao noso país, ou o papel do humor e da performance como ferramentas de subversión das ideoloxías hexemónicas son outros contidos que se poden atopar no volume. O traballo ponlle o ramo ao proxecto de investigación Contacto, cambio lingüístico e ideoloxía en contextos de minorización lingüística, desenvolto no Instituto da Lingua Galega (2020-2024).
O libro foi editado por Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo-Garra e Miguel Guisantes-Alonso, e conta con contribucións de Noemi Basanta Llanes, Xosé Luís Regueira, Gabriel Rei-Doval, Ana Iglesias Álvarez, Luke Bishop, Agurtzane Elordui, M. Carmen Parafita Couto, Gabriela Prego Vázquez, María Caamaño Rojo, Luz Zas Varela, Marta Estévez Grossi, Carme Silva-Domínguez e María Sampedro Mella.








