A vila que non chegou a ser

Entre a dilatada secuencia temporal do castelo de Lobarzán, os arqueólogos identifican un poboado altomedieval que non prosperou por motivos descoñecidos

Entre a dilatada secuencia temporal do castelo de Lobarzán, os arqueólogos identifican un poboado altomedieval que non prosperou por motivos descoñecidos
Placa de cinto localizada nas proximidades do castelo de Lobarzán. Foto: Proxecto Lobarzán
Durante moito tempo as dez hectáreas do conxunto arqueolóxico do castelo de Lobarzán e o recinto da Ceada (Monterrei) alimentaron hipóteses sobre en que época se construíran os espazos. Tras varias campañas de escavación, os arqueólogos comezan a ter clara a dilatada secuencia temporal do conxunto e deron un tipo de xacemento arqueolóxico pouco explorado en Galicia: un poboado altomedieval fortificado que ficou detido no tempo.

Víctor Rodríguez Muñiz, director arqueolóxico do proxecto de escavación do castelo de Lobarzán, está satisfeito coa circunstancia, non sempre frecuente nas campañas arqueolóxicas, de que a documentación medieval e o rexistro arqueolóxico encaixen entre eles. O castelo de Lobarzán atópase situado nun alto estratéxico sobre o val do Támega, e o conxunto arqueolóxico esténdese ao longo de dez hectáreas polo alto dos montes. Ata o momento as sondaxes na penedenta acrópole da fortaleza explican o que a documentación apunta: as primeiras referencias ao castelo no século XI, vinculado á creación da terra de Lobarzán, as reformas do século XIII en conexión coa construción da cidadela de Monterrei, a vida posterior da fortaleza ata o seu abandono nas turbulencias bélicas da metade do século XIV.

Pero a maiores, a arqueoloxía achega a este conxunto arqueolóxico unha densidade cronolóxica de tal espesor que non cabe nos papeis antigos. Desde as evidencias dun poboado calcolítico con máis de 5.000 anos de antigüidade, unha posible torre romana de vixilancia do século I d. C., a erección dunha gran muralla no século VII ou a existencia dun poboado altomedieval dos séculos X-XI que chegou a contar cunha necrópole e que non figura na documentación. E todo iso só en tres campañas e pouco máis de douscentos metros escavados. As primeiras escavacións déronse en 2019 e 2023-24. A campaña actual, aínda en curso, está financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.


Muralla do século XIII con alma do século XI. Foto: Proxecto Lobarzán

As escavacións deste ano céntranse en coñecer máis en detalle os accesos aos dous recintos do xacemento. No caso do castelo, os arqueólogos localizaron un sistema de acceso en cóbado, que complica a entrada dos visitantes e os obriga a circular por un estreito tramo de dez metros só accesible a pe "ou como moito algún burro ou animal de pequeno porte", sinala Rodríguez Muñiz. O acceso atópase preto do misterioso depósito de auga datado no século I d. C. e que foi reformado en época visigoda ao redor do ano 693. A intervención na muralla do castelo revelou as dúas fases de construción, nas que se empregan técnicas diferenciadas. "A primeira construción da muralla témola datada no ano 1038", explica Víctor Rodríguez, "pero cando Monterrei se funda no ano 1260 o castelo non se abandona. Pasa de ser a cabeza dunha terra a unha primeira liña de defensa da fronteira". Esa segunda fase de reforma baixomedieval recoñécese ben na muralla, que mesmo ás veces cubre a antiga cerca. "O que fan é deixar a alma antiga da muralla e monumentalizar o seu exterior", explica. O castelo será usado ata a primeira metade do século XIV. "Nun derrubo atopamos unha moeda do rei portugués don Dinís (monarca de 1279 a 1325)", que pode indicar os momentos de abandono.


Localización do recinto da Ceada en relación ao castelo. Foto: Proxecto Lobarzán

O recinto da Ceada das Chás
Con todo, un dos aspectos máis rechamantes e diferenciados da investigación en Lobarzán e o recinto da Ceada, un enorme espazo que se estende aos pés do castelo medieval, e tamén delimitado por unha voluminosa muralla. Aínda que nunha primeira ollada, o recinto lembraría a un castro, as evidencias sobre o terreo aventuraban outras posibilidades, como a existencia dun sartego medieval e numerosos anacos de tégula.

"Ata o momento temos claro que non é un castro", explica o arqueólogo contudente, "hai ese nivel de ocupación calcolítico, pero a partir de aí os primeiros materiais lévannos xa ao periodo tardorromano, entre os séculos IV e V. Non os atopamos no seu contexto arqueolóxico, senón reempregados ou mesturados en paquetes de terra. Aínda non sabemos de onde veñen, pero debe ser algunha vila ou similar nas inmediacións". Por riba dunha forte capa de queimado datada no 402, constrúese unha muralla moi grosa no que aparecen cerámicas xermánicas dos séculos VI e VII e que é desmantelada construír outra, a que hoxe se pode ver, do último cuarto do século X. Datacións obtidas nun edificio encostado á muralla ofrecen a data do ano 996. "Así que a muralla pode ser unhas décadas anterior", considera Rodríguez Muñiz. O recinto da Ceada parece ter que ver con tres momentos históricos de relevancia: a etapa final do Imperio romano coa inestabilidade social e política do momento e a irrupción dos suevos en Gallaecia, o reino visigodo cara finais do século VII, e a articulación do reino medieval do século X. Estes dous momentos da fortaleza, os séculos VII e X, coinciden coas cronoloxías atopadas noutros recintos similares do sur de Galicia, como se se reproduciran as mesmas dinámicas.


Placa de cinto localizada nas proximidades do castelo de Lobarzán. Foto: Proxecto Lobarzán

O equipo arqueolóxico traballa nestes momentos en dúas áreas da Ceada. "Estamos nunha estrutura que é enormemente monumental, de planta lonxitudinal, pero para a que aínda non temos unha función clara", explica, "e ademais nas dúas portas do recinto, unha delas tamén moi notable, con tres metros de ancho e sete de corredor". As intervencións seguen sen revelar ocupacións internas anteriores a ese período de hai mil anos.

"Todo apunta a que este recinto non só era un espazo militar, senón que tiña a intención de ser un conxunto residencial", explica Víctor Rodríguez, "unha vila fortificada como outras fundacións que houbo nas proximidades, como Chaves no século IX ou o castro de Curalha". Naquel primeiro poboamento máis ao sur do Támega participou unha figura destacada da Galicia altomedieval, o conde Odoario, comisionado no século IX polo rei Afonso III para poboar as comarcas da Limia e do val do Támega. Xunto coas datacións que apuntan á orixe altomedieval das construcións, Rodríguez Muñíz tamén destaca o padrón construtivo común. "Repítese a pauta de ocupación de Curalha, con construcións cuadrangulares caroadas á muralla", explica o arqueólogo. Con todo, as datacións da Ceada apuntan a un momento posterior.

Pero por algún motivo ese poboado non frutificou. "Moitos destas fundacións pasaron por dificultades para prosperar", explica, "son moi poucos accesibles e con accesos complicados. Ao propio Monterrei, que non tiña auga, resultoulle moi difícil fixera poboación. A xente prefería ir vivir á chaira, a Verin ou similar". Eses inicipientes burgos fortificados ao amparo do rei ou da aristocracia tiveron que ser dinamizados con novos foros e outras medidas, e aínda así lles custou frutificar".

E non só iso: a principios do século X Chaves volveu ser tomada polos musulmáns e Lobarzán ficou nunha fronteira entre os dous reinos. Foi se cadra no contexto de tensión cos musulmáns que se revele un dos obxectos máis fermosos recuperados no contexto da investigación, e entregado por un veciño que o atopou a uns centos de metros do xacemento. Trátase dunha placa de cino de procedencia islámica que parece representar unha escena de cetrería a cabalo. "Parece proceder de obradoiros islámicos, e hai que ter en conta que ata o século XI hai campañas musulmanas nesta área", explica Rodríguez Muñiz, "quizais teña que ver cun campamento musulmán que estaba atacando a fortificación".

No ano 931 créase a terra de Baronceli, que agrupará o norte da comarca do Alto Támega e que contra finais do século esa demarcación se dividirá en terras máis pequenas como Lobarzán, fundada no 982. A vila frustrada da Ceada e o castelo parecen ser protagonistas destacados dese primeiro momento, aínda que os avatares da Historia foron deixándoos atrás ata o esquecemento. Un Monterrei que non chegou a prosperar e ficou conxelado no tempo e agachado entre toxos e xestas.