Xosé Vizoso, o artista agochado

O Día da Ilustración reivindica un creador que marcou coas súas propostas icónicas a paisaxe cultural do país

O Día da Ilustración reivindica un creador que marcou coas súas propostas icónicas a paisaxe cultural do país
Fragmento da imaxe do web Xosevizoso.com. Fotografía de Rafa Arroyo
Os seus icónicos deseños son facilmente recoñecibles e fan parte desde hai décadas a paisaxe cotiá galega. Carteis, murais, capas de libros, cerámicas ou billas de cervexa son mostras da produción inxente deste artista. No entanto, durante moito tempo a obra eclipsou o autor e moita xente non sabe quen está detrás destes traballos. O Día da Ilustración que se celebra este 30 de xaneiro reivindica a Xosé Vizoso, un creador agochado.

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e mais a Xunta de Galicia, a coincidir co cabodano de Castelao, visibilizan cada ano desde 2017 unha figura histórica decisiva no campo da ilustración. Por vez primeira, o Día da Ilustración Galega homenaxea en 2025 un autor vivo, o que dá idea da importancia que ten o traballo de Vizoso. Segundo lembra Alberto Guitián, ilustrador que coordina boa parte das actividades da AGPI arredor do autor, "o seu nome estaba nas propostas desde hai tempo. Xa realizamos en anos anteriores homenaxes a creadores clave, como Cebreiro, Díaz Valiño ou Federico Ribas. Nas últimas edicións apostamos por nomes máis contemporáneos, como Reimundo Patiño e Chichi Campos. E pensamos que é boa cousa renderlle homenaxe aos grandes da ilustración en vida", apunta. Nese sentido "Vizoso era un dos máis claros. É un autor moi prolífico que conta cun corpo de traballo moi popular".

O peso da cerámica
Nado en 1950 en Mondoñedo, a afección polo debuxo de Vizoso veulle desde cativo. Formado no bacharelato artístico co escultor valenciano Juan Puchades, axiña comezou un traballo escultórico que lle valeu, xa en 1968, o Premio Nacional Xuvenil desta arte. Foi neste ano cando, logo de participar nos traballos de restauración da Catedral de Mondoñedo, comezaría a traballar en Cerámicas de Sargadelos, empresa que lle daría unha enorme proxección á súa obra ao tempo que contribuía ao descoñecemento do seu nome. Primeiro deseñador das pezas da empresa canda a Xosé Díaz, e baixo o mestrado de Isaac Díaz Pardo, Vizoso determinou as formas de máis de 300 produtos saídos da firma. "Mesmo dentro da empresa acadou unha maneira de facer e unha voz que lle outorgan características recoñecibles ás súas propostas", lembra Alberto Guitián. É o caso de vaixelas icónicas como as toxo, vide, armañá, buxo, xirasol, ramallo, follas ou cuncha. Canda a estas, realizou desde o deseño ata o moldeado e a pintura de moitas das figuras máis coñecidas da firma, como os galos, "que teñen a innovación de estar feitas con elementos modulares que se poden combinar para producir figuras diferentes", explica Guitián. Outros exemplos neste campo son as San Lucas, a pomba, o Quixote, Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Mendiño, Xan de Cangas, Seoane, os Apóstolos do Pórtico da Gloria ou mesmo billas de cervexa elaboradas pola empresa que levan tamén a súa sinatura. A súa importancia foi tal que Díaz Pardo, responsable da empresa, sinalaba que "o peso deseñístico da cerámica de Sargadelos gravita hoxe sobre Vizoso" e que levaría ata a súa xubilación.

Libros e carteis
A colaboración con Díaz Pardo veríase tamén nas preto de 300 cubertas que o ilustrador realizou, na súa maior parte para Ediciós do Castro, un traballo que tamén desenvolvería noutras editoriais. Para alén deste labor, ilustrou uns 60 títulos literarios que inclúen obras de Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra, Alejo Carpentier, Celso Emilio Ferreiro, Luis Rey Núñez, Filgueira Valverde, Alfredo Conde, Anxel Fole, Francisco Fernández del Riego ou o seu grande amigo Xosé Neira Vilas. A súa vocación creativa levouno tamén a asinar unha singular baralla de Tarot canda ao Manuel Aneiros, de novo en Ediciós do Castro. No entanto, canda ao deseño cerámico, é o cartelismo o campo que máis popularidade acadou a obra de Vizoso, con máis dun cento de exemplos que manteñen o seu estilo único. Segundo salienta Guitián "os seus carteis teñen un selo inconfundible, especialmente os de festas populares. É un ámbito no que desenvolve máis a súa voz e consegue un traballo potente e recoñecible". A súa pegada marcou a imaxe de celebracións como a Queimada Popular de Cervo, a Romaría de Santa Minia, en Brión, ou as San Lucas de Mondoñedo, cuxos carteis leva realizando desde hai anos. De feito, encol destas series, este investigador salienta que a das San Lucas "cos cabalos sempre presentes, deixa patentes as súas evolucións estilísticas. Na serie das Queimadas de Cervo, que son auténticos aquelarres en papel, amosa o seu lado máis dionisíaco e retranqueiro".

Murais, deseño, caricatura…
Os murais, un formato no que desenvolveu propostas con cerámica como os que se poden ver nas propias instalacións de Sargadelos ou no bosque do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela, é outro ámbito que vizoso traballou. Segundo apunta o web que a produtora Arraianos lle dedicou ao autor, na súa maioría "son murais vinculados á historia/cultura de Galicia ou reivindicativos e para ter sempre presentes na memoria, como o mural en homenaxe aos represaliados polo franquismo no Alto do Furriolo, (Celanova, 2006) no que se aprecia un dramatismo expresionista". Precisamente desta peza apunta Guitián que "é seguramente o máis persoal e ao que lle botou máis tripas" deste tipo de obras. Canda a estes, o deseño gráfico, un ámbito no que creou a coñecida tipografía de Sargadelos, a escultura ou a escenografía son outros campos nos que Vizoso deixou a súa ollada. Para alén do traballo máis coñecido do autor, Guitián salienta o ser este creador "un debuxante incansable e un caricaturista compulsivo e fantástico. En calquera lugar debuxa nun anaco de papel e crava un personaxe en cinco segundos, é un debuxante de raza", asegura este ilustrador. "Ten moitísimas caricaturas e agardemos que algún día se poidan compilar nunha publicación ou nunha mostra".

Universo Vizoso
A coincidir co Día da Ilustración, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, pode verse, desde a tarde deste 29 de xaneiro, a exposición Universo Vizoso. Esta iniciativa, comisariada por Aser Álvarez, cabeza de Arraianos Producións, explora a conexión de Vizoso coa provincia de Lugo. "Escollemos o nome para amosar que a súa obra é un universo insondable. Na mostra propomos unha viaxe pola provincia que comeza en Mondoñedo, o seu lugar de orixe", explica o comisario. A sala acolle "traballos moi persoais e descoñecidos, a incluír fotografías do seu propio arquivo, audios coa voz do autor, carteis, algunhas das súas mellores obras pictóricas, libros ou ilustracións que nunca se expuxeran". Unha ausencia destacable é a das pezas de cerámica que durante anos deseñou este artista. "Prescindín intencionadamente do seu traballo cerámico para amosar que hai moito Vizoso alén de Sargadelos", explica o comisario. Entre os elementos que se poden ver "está a escultura que realizou en 1975 para a celebración do bimilenario da cidade de Lugo, que se volve expor por vez primeira logo de moitos anos". O comisario explica tamén que o proxecto conta coa súa propia banda sonora, composta por Moisés Quintas. Na presentación do proxecto, Álvarez recupera un texto de Xosé Neira Vilas no que sinalaba, a falar do traballo de Vizoso, que "cando unha galiña pon un ovo faillo saber a toda a aldea, mentres que unha troita deixa milleiros de ovos no río sen que niguén se decate".

A pegada na paisaxe
Do mesmo xeito que Neira Vilas, Guitián recoñece que Vizoso "durante moito tempo traballou en Sargadelos e o seu nome quedou sempre supeditado á marca. Despois desenvolveu máis outras liñas de traballo máis persoais, como o cartelismo. Pódese pensar que puxo por diante a excelencia no traballo á súa sinatura e ao ego do artista, hai moita obra del que é moi popular e que moi pouca xente sabe que é súa. É unha persoa cun oficio, no mellor sentido da palabra, impresionante, e combina iso cun talento destacable", conclúe. Deste xeito, "malia que o seu nome aínda non acadou toda a proxección que merece, a súa obra ten un enorme calado na Galicia dos últimos 50 anos. Posúe o recoñecemento de moita xente da profesión pero aínda non chegou tanto ao público xeral". Coincide con el Álvarez ao lembrar que "Vizoso acaba conformando o imaxinario galego. É un grande artista e ninguén, penso que nin el mesmo, sabe todo o que fixo. Traballou tanto e fixo tantas cousas, dun xeito tan poliédrico e diverso, que aínda queda moito por descubrir". Segundo lembra Guitián, "dixo Ferrín que Vizoso contribuíu de xeito decisivo á formación da paisaxe visual do noso tempo. É un referente por talento, por oficio e pola produción que ten".

Un(s) estilo(s) característico(s)
Unha achega metódica ás composicións, a construción xeométrica de volumes ou a acumulación de figuras son algúns riscos destacables dunha obra que, no entanto, non fica restrinxida a un só estilo e mantén o seu carácter en todas as súas expresións. "Aínda que ten rexistros gráficos moi diferentes, en xeral o seu estilo é moi recoñecible pola potencia gráfica que posúe. Vizoso emprega un trazo con moita forza e decisión" asevera Guitián, licenciado en Belas Artes. "Para alén das influencias de Seoane e Díaz Pardo, que o marcaron ao comezo da súa carreira, bebeu de moitas máis fontes, interesouse moito polo cubismo e os muralistas mexicanos, e pódese ver tamén a influencia de Castelao. Foi sempre un artista moi inquedo que experimentou con diferentes estilos visuais" explica. Canda a ese estilo, mutante e característico, outra peculiaridade do traballo do autor son as súas temáticas. "Ten moita raigame na cultura tradicional. Os cabalos son un tema que están presentes ao longo da súa carreira, ao igual que os galos. Logo coñece moi ben os oficios artesáns e é moi habitual que homenaxee os alfareiros ou outros traballos tradicionais", apunta desde AGPI este investigador.

Segundo apunta o web dedicado ao autor, "as súas ilustracións sempre teñen un grande imaxinario inspirado no rural, de carácter enxebre e propio da Galicia que xa foi desaparecendo. A súa técnica foi evolucionando co tempo dende imaxes máis abstractas e cheas de xeometrías onde se mesturan as figuras e os fondos, ata ilustracións máis espontáneas onde importa o trazo e a simplicidade do bosquexo". De xeito máis concreto, "ao longo dos seus carteis podemos ver una evolución (sobre todo apreciable nos carteis da Queimada de Cervo) no sentido do ritmo, perspectiva e como vai simplificando e resolvendo a expresión gráfica do seu debuxo e análise gráfica. Todo isto sempre vai unido e visualízase no resto das súas facetas artísticas: cerámica, escultura…"

Reivindicacións recentes
Malia ao traballo pendente, a visibilización de Vizoso como autor viu un pulo importante nos últimos anos. A mostra antolóxica Xosé Vizoso. Carteis 1970-2016, que abriu as súas portas en 2017 no Museo Etnolóxico de Ribadavia deu conta da magnitude dunha obra que ata entón estivera dispersa. Con posterioridade, en 2020, Arraianos Producións presentaba a peza audiovisual Xosé Vizoso e Sargadelos, que desenvolveu como proxecto didáctico co alumnado do IES Rosalía de Castro. A isto seguiu, tamén da man de Aser Álvarez, o web dedicado ao artista, que achega desde 2021 unha visión xeral sobre o autor canda aos contidos elaborados pola produtora arredor da súa figura. Tamén en 2021 a Fundación Artiaga, co apoio do Concello de Vilagarcía, organizaba a mostra Xosé Vizoso. Creatividade e procesos. Esta proposta recollía un cento de traballos orixinais no artista, a pór o foco nos seus procesos creativos e incluír múltiples bosquexos das súas obras. Segundo explica Xosé Artiaga, responsable da iniciativa, a súa intención era "poñelo en valor no mundo da arte en xeral, reivindicalo como un artista que fixo tamén deseño, nun momento no que practicamente só estaba a ser coñecido como cartelista". Aser Álvarez foi tamén responsable dunha exposición retrospectiva da obra de Vizoso en Buño, en 2022. "Levo anos a tentar que se lle dea visibilidade, coa axuda do seu fillo Daniel artellamos un web sobre a súa figura e publicamos ese pequeno documental que, sendo modesto é o único que hai sobre el", explica Álvarez.

Celebración expandida
A efeméride do Día da Ilustración promove un programa oficial, organizado pola Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas e mais da AGPI, de 31 actividades entre exposicións bibliográficas, obradoiros de ilustración e banda deseñada, contacontos ou actividades formativas para o alumnado das escolas de arte galegas. O web da efeméride achega ademais diferentes contidos arredor do artista e as xa habituais sinaturas convidadas, con tres artistas que reinterpretan o universo do homenaxeado desde a súas particulares olladas. Desta volta son Abi Castillo, Carlos Arrojo e Julia Abalde os responsables das versións. En conxunto, o programa supón o máis nutrido na historia da celebración. "Vai medrando aos poucos", recoñece Guitián desde a AGPI. "vaise notando que se adhiren outras institucións, librarías ou galerías, como a Maraca de Vigo, que leva xa dous anos a organizar un evento por esta data. Canda a elas "hai colectivos e centros de ensino que fan cousas. O Día da Ilustración está a conseguir unha masa crítica de xente que o celebra do seu xeito". A apoiar esta celebración popular, a asociación promoveu neste ano o cancelo #Diadailustracion2025 "para que se vexa o que comparte a xente". Dentro das actividades oficiais, destaca a exposición retrospectiva Xosé Vizoso - O neno que debuxou un cabalo que se pode ver na Biblioteca de Galicia do 30 de xaneiro ao vindeiro 12 de maio. Na proposta, desenvolvida en colaboración co propio Vizoso, "poderá verse unha selección de pezas, a incluír orixinais inéditos, unha escolma de carteis, libros e deseños, algunha peza cerámica ou bosquexos", explica Guitián, que participa desta iniciativa.

Para alén dese programa, a Deputación de Lugo complementou a exposición Universo Vizoso co acto Xosé Vizoso, debuxante eterno, celebrado o 24 de xaneiro. O mesmo incluíu a proxección do documental de Arraianos ademais dun faladoiro sobre a vida do autor a cargo do pintor Xosé Artiaga, de Alberto Guitián e mais de Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo. Pola súa banda, o Concello de Brión, lugar de residencia do homenaxeado, desenvolve tamén as súas propias homenaxes, cunha exposición e unha sesión de narración oral. O Consello da Cultura Galega sumouse desta volta á efeméride a publicar no seu web o día 30 un especial sobre o artista no que recupera os afamados carteis da Festa da Queimada de Cervo, un dos exemplos máis claro da súa aposta estilística e temática. Tamén entidades como a Federación de Librarías e a Fundación Neira Vilas chamaron a conmemorar a data.

Reivindicación
Encol do anovado interese pola figura de Vizoso, Guitián considera que "a moita xente está a lle pasar o que me aconteceu a min hai anos, cando o descubrín mediante un amigo común. Cando te das conta de todo o que fixo, alucinas. E cada vez somos máis os que o queremos reivindicar, é un auténtico fenómeno viral". E fica pendente moito por descubrir. "Ten moitísimo material inédito, cartafois cheos de cousas que nunca se viron. Estamos a falar dun autor realmente prolífico e produtivo, e agardemos que no futuro se poida ir tirando á luz este enorme corpus de traballo", reclama este ilustrador e investigador.
Do mesmo xeito, Aser Álvarez aspira a que a recuperación da figura de Vizoso continúe ao longo dos vindeiros anos. "Eu teño moito material gravado sobre el, son moitas horas de conversa e moita amizade". De cara ao futuro inmediato "gustaríame que a exposición Universo Vizoso xire por máis lugares, e logo querería facerlle unha peza audiovisual á altura que merece". A máis longo prazo "a miña ilusión sería poder, unha vez catalogada e inventariada a súa obra, dedicarlle unha grande retrospectiva compartida entre o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea, a amosar tanto o Vizoso apegado á tradición como o vangardista e o artista contemporáneo. É un home bo e xeneroso, e o menos que se pode facer é voltarlle o que é seu, que se saiba quen está detrás de moitas das obras que todo o mundo coñece".
****Texto actualizado o 3/02/2025****


Galería de traballos de Xosé Vizoso. Fonte: Xosevizoso.com

Cartel das festas do Apóstolo de Santiago de Compostela
Cartel das festas do Apóstolo de Santiago de Compostela

Cartel da obra de teatro <i>Salitre</i>
Cartel da obra de teatro Salitre

Un dos múltiples carteis do artista para as San Lucas de Mondoñedo
Un dos múltiples carteis do artista para as San Lucas de Mondoñedo

Ilustración dun cabaleiro e un dragón
Ilustración dun cabaleiro e un dragón

Capa da novela <i>Un médico na aldea</i>
Capa da novela Un médico na aldea

Figuras do Quixote e Sancho Panza para Sargadelos
Figuras do Quixote e Sancho Panza para Sargadelos

As San Lucas. Peza de cerámica de Sargadelos
As San Lucas. Peza de cerámica de Sargadelos

Dous retratos realizados por Vizoso
Dous retratos realizados por Vizoso

Caricatura de Francisco Fernández del Riego
Caricatura de Francisco Fernández del Riego

Mural do alto do Furriolo
Mural do alto do Furriolo